O Concello de Poio xa ten en marcha o proceso de licitación para crear un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar. Trátase dn proxecto que, segundo indican desde a administración local, «permitirá renovar por completo esta zona, incluíndo unha réplica da embarcación Santa María, con elementos de xogo integrados e inclusivos e que será unha realidade no último trimestre do ano».
As empresas interesadas teñen ata o 29 de maio para presentar as súas propostas. O orzamento de licitación é de preto 160.000 euros para un contrato mixto con predominio do subministro, que se adxudicará por procedemento aberto. Unha vez formalizada a acta de comprobación do replanteo, a empresa que resulte adxudicada disporá de tres meses para executar os traballos.
Nova área de xogo en Poio
O parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar é a nova área de xogo que vai crear o Concello de Poio e que, busca, entre outras cuestións, dar resposta así a «unha demanda da veciñanza do lugar para dotar a San Salvador e, en especial, á zona de Ánkar, dunha área de xogo máis ampla e de calidade».
Como é o Parque temático de Colón en Poio?
O novo parque contará aproximadamente con 300 metros cadrados para acoller, entre outras pezas, dous barcos, unha réplica da embarcación da Santa María na que o navegante descubriu América e unha embarcación pequena, adaptada especificamente para menores de 6 anos. No caso da réplica da Santa María, estará constituída por zonas de diferentes alturas e terá integrados tobogáns, paneis trepadores, escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa de tesouro ou creba cabezas, entre outros. A maiores, na área de xogo ademais das dúas embarcacións instalaranse tamén columpios, incluídos para bebés e inclusivo ou xogo xiratorio de temática náutica, entre outras cuestións.
