sábado, mayo 17, 2025
InicioA terraA nosa culturaA 'Primavera de Portas Abertas' continúa a súa ruta enoturística polas Rías...

A ‘Primavera de Portas Abertas’ continúa a súa ruta enoturística polas Rías Baixas esta fin de semana

O programa Primavera de Portas Abertas, desenvolvido por Turismo de Galicia en colaboración das adegas dos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos, ofrece un amplo conxunto de actividades de enoturismo, moitas delas de forma gratuíta.

Así, as bodegas participantes nesta promoción, pertencentes aos territorios de Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras, ofertan durante cinco semanas dos meses de maio e xuño visitas guiadas e gratuítas.

Deste xeito, cada fin de semana está adicado a un territorio en concreto e as bodegas participantes manteñen as súas portas abertas. Así, os e as visitantes poderán realizar unha visita guiada pola bodega con degustación incluída dalgún dos seus viños.

Ademais das visitas guiadas gratuítas, durante a campaña tamén haberá diferentes ofertas turísticas e gastronómicas como establecementos de restauración onde escoller menús especialmente destinados á ocasión, autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca e incluso descontos en aloxamentos.

As dúas primeiras xornadas de portas abertas foron realizadas realizadas na zona de Monterrei, do 2 ao 4 de maio e en Valdeorras, do 9 ao 11 de maio. Así, as xornadas das que se poden aínda desfrutar serán nas Rías Baixas, do 16 ao 18 de maio; na Ribeira Sacra, do 23 ao 25 de maio e O Ribeiro, do 30 ao 1 de xuño.

Ruta do Viño nas Rías Baixas

Dende este venres 16 ata o domingo 18 de maio, as Rías Baixas énchense de actividades relacionadas co enoturismo e a gastronomía local. Un total de 20 adegas participantes ofertarán visitas gratuítas con degustación dalgún dos seus viños.

Ademais, o sábado 17 de maio partirán de diferentes cidades galegas os «Buses do Viño» con rutas preparadas que se dirixirán ás diferentes bodegas das subzonas das Rías Baixas. As prazas para os buses están esgotadas, pero pódense visitar as bodegas de xeito individual, sempre baixo reserva previa chamando ás adegas participantes.

Información completa sobre as bodegas participantes, as actividades e visitas ás bodegas na páxina web da Ruta do Viño Rías Baixas.

Ruta do Viño na Ribeira Sacra

A quenda das bodegas da Ribeira Sacra será a fin de semana do 23 ao 25 de maio. Tres xornadas de actividades e visitas ás bodegas situadas na zona da Ribeira Sacra. Así mesmo, ao igual que no resto das rutas, tamén partirán das diferentes cidades galegas os «Buses do Viño».

Toda a información sobre as bodegas participantes, as visitas e as actividades na páxina web da Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

Ruta do Viño no Ribeiro

A última fin de semana desta Primavera de Portas Abertas 2025 terá lugar na zona do Ribeiro, con Ribadavia como capital da comarca do 30 de maio ao 1 de xuño.

Así, esta será a última oportunidade para desfrutar das xornadas desta ruta promovida por Turismo de Galicia no 2025. Catas, gastronomía, visitas gratuítas e moitas máis actividades para degustar o viño da comarca do Ribeiro.

Toda a información sobre as bodegas participantes, as visitas e as actividades na páxina web da Ruta do Viño do Ribeiro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS