O Concello do Porriño vén de celebrar o Día de Europa cunha xornada de xogos e actividades lúdicas destinada ao alumnado do centro educativo plurilingüe Xosé Fernández López na contorna da praza Arquitecto Antonio Palacios.
Alí, a rapazada gozou dunha mañá festiva onde a través de xogos de construción, zona de creatividade ou obradoiros de chapas os nenos e nenas aprenderon as diferentes funcionalidades e programas que ofrece a Unión Europea.
Neste contexto, procedeuse ao izado da bandeira da UE dende o balcón do Concello por parte do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús María Gamallo; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
Acto seguido, as autoridades procederon a inaugurar a exposición sobre os fondos europeos. Alí, Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública, explicou ao alumnado os diferentes obxectivos que poden ter os fondos europeos como «desenvolver e mellorar as capacidades de investigación, aproveitar as vantaxes da dixitalización, protexer o patrimonio cultural e natural ou fomentar a mobilidade sostible», entre outros.
No mesmo sentido, Jesús María Gamallo recordou que «o Día de Europa festéxase co fin de conmemorar a paz» e asegurou que é un día importante para «poñer as bases para o desenvolvemento económico xuntos a nivel europeo».
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer a presenza tanto do conselleiro como do diretor xeral e asegurou que «gracias a Europa, o concello puido facer posible moitas das melloras que precisa o municipio» ao mesmo tempo que asegurou que gracias a estas inversións «o PIB per cápita do Concello do Porriño é o máis alto da provincia de Pontevedra«.




