O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 M€ e co que se busca “modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio“.
Dinamización das vilas e das cidades
Trátase dunha planificación para os próximos anos que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía galega. Tal e como explicou o presidente, Galicia conta “con máis de 32.000 establecementos” comerciais -é a quinta comunidade con maior número- que dan emprego “a unhas 107.000 persoas” e que son fundamentais “para dinamizar vilas e cidades“.
Rueda resaltou que o obxectivo é poñer en marcha un paquete de medidas para consolidar o comercio galego “como un sector forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade”. Pola súa parte, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou que este Plan “busca cegar a competitividade e o futuro” do comercio local na comunidade.
Proceso participativo
O conselleiro fixo fincapé en que esta folla de ruta absolutamente estratéxica foi froito dun intenso proceso participativo con todo o sector -realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio- no que a Xunta “colaborou con máis de 300 representantes” de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesáns, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e Administración local.
Marca unificada do comercio galego
O Plan conta cunha batería de ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, grandes accións de visibilidade e dinamización, como -tal e como explicou o conselleiro- “a creación dunha marca unificada do comercio galego” que contribúa a transmitir a calidade e o servizo que presta ou a aposta pola “recuperación de entornos comerciais urbanos de localidades singulares” co proxecto singular Vilas vivas.
A planificación tamén pon o foco de maneira prioritaria en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para “impulsar experiencias de compra diferenciadas”, como é o caso dos centros comerciais abertos -avanzando na súa profesionalización e rexistro e potenciando a excelencia das propostas- e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e magníficos escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes dos seus arredores a través da iniciativa Plato de mercado.
Mocidade
A conexión coa mocidade tamén figura como unha das prioridades do Plan e faino nunha dobre vía: por unha parte, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vínculos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garanticen o necesario relevo xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio no que se asentan.
Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, este plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego neste ámbito.

