O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, pediu desculpas públicas por ir a 215km/h no coche oficial “por descoido”
Despois de ser sancionado tras ser identificado cando conducía a 215 quilómetros por hora nunha autovía en Zamora pagou a multa con importe reducido por pronto pago (300 euros) o que atribuíu a “un descoido acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo”.
Nunha carta remitida aos medios esta quinta feira, o mandatario na Deputación e presidente do PP na circunscrición de Ourense, ao que se investiga por un posíbel delito penal ao superar en 80 km/h o límite de velocidade, trasladou que a sanción administrativa xa foi abonada e está “a disposición para colaborar en calquera dilixencia ulterior”.
Baltar manexaba un vehículo do parque oficial da Deputación de Ourense que goberna desde 2012 -cando asumiu o cargo en substitución do seu pai, José Luis Baltar-, sinalou que “desde hai moitos anos” conduce “de maneira habitual” coches oficiais “en desprazamentos institucionais”.

