martes, junio 25, 2024
InicioComarcasLouriñaA mellor Canción do Nadal de Galicia ten alma mosense

A mellor Canción do Nadal de Galicia ten alma mosense

Os nenos e nenas da banda de pop-rock KingKids gañaron co tema “Un Bo Nadal” o primeiro premio do concurso televisivo no que xa participaran o ano pasado acadando un 5º posto.

Os nenos e nenas do grupo musical KingKids da Escola de Música MaiSon foron recibido no Concello de Mos para homenaxealos e felicitalos polo primeiro premio no concurso “A Canción do Nadal” da CRTVG que veñen de acadar co tema titulado “Un Bo Nadal”.
Ademais da banda KingKids estiveron presentes na recepción Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Irene e Lucía, As Maimiñas, responsables da Escola de Música MaiSon e nais de tres dos integrantes de KingKids; algunha das demais nais dos nenos homenaxeados; Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá, Política Social e Igualdade e demais membros da corporación municipal. A rexedora local anuncioulles que o Concello de Mos quere contar con eles para que toquen en directo o día 5 de xaneiro, na Cabalgata de Reis, nova que recibiron emocionados.

Traxectoria

Os KingKids xa participaron o ano pasado no concurso “A Canción do Nadal” acadando o 5º posto.
Levan 2 anos tocando xuntos como grupo e desde os 6 anos na escola de música.
Son unha banda de pop-rock que fai versións musicais e tamén compoñen algúns temas propios (cos que participaron no concurso son propios).
O grupo está formado por 8 nenos/as de 11 a 14 anos. 3 de Mos, 3 de Porriño, 1 de Salceda e 1 de Tomiño e son: Marco González, batería; Mateo González, guitarra; Saúl Lorezo, guitarra; Álvaro Muíños, baixo; Juan Muíños, cantante e guitarra; Sergio Pallares, cantante e guitarra; Nina Méndez, cantante e Candela Carballas, cantante.

Os arranxos musicais, canción orixinal e estilismos son tamén mosenses

As cancións premiadas o ano pasado e este na TVG son composicións propias con canción orixinal de Íker Rodríguez (de Mos), arranxos musicais dos KingKids e produción da gravación de Raúl Ben. Os estilismos do grupo corren tamén a cargo doutra mosense, Antía Caride, de Girl’s Gang.
Estes rapaces e rapazas non paran pese a súa curta idade e atópanse inmersos na súa paixón musical. Mostra delo é que ao rematar a recepción saíron voando cara a Ferrol os 8 compoñentes do grupo coas súas nais, para gravar un programa especial da Televisión de Galicia para o Día de Reis.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES