jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasO CondadoA Policía Local de Ponteareas investiga a dous menores pola queima de...

A Policía Local de Ponteareas investiga a dous menores pola queima de colectores

OS feitos ocorreron na madrugada do sábado nas rúas Paseo Matutino e Carballos.

A Policía Local de Ponteareas investiga a varios menores como presuntos autores da queima de varios colectores na madrugada do sábado ao domingo nas rúas Paseo Matutino e Carballos.

Foi pasadas as 01:00 horas cando os axentes recibiron o aviso dun incendio nun colector na primeira das rúas,no Paseo Matutino, na que testemuñas presenciais identificaron a un dos presuntos autores dos danos. Trinta minutos despois, recibían unha nova chamada, esta vez, sobre un lume noutro colector na segunda das localizacións. Tamén aquí diferentes persoas que presenciaron o acto identificaron ao mesmo menor que na ocasión anterior xunto a outro máis que, supostamente, terían gravado en vídeo a súa actuación. Nos dous casos foi precisa a intervención dos bombeiros de Ponteareas para extinguir as lapas e evitar danos maiores.

En base á descrición achegada polas testemuñas a Policía Local localizou a un dos presuntos autores á saída dun local de ocio nocturno, quen foi identificado e rexistrado. No seu teléfono móbil atopouse a gravación da queima dun dos colectores, na que ademais se recoñecía a autoría dos feitos. Por outra banda, tamén se interveu un acendedor como posíbel instrumento empregado para provocar os lumes.

O Concello agradeceu a colaboración cidadá para identificar aos presuntos autores destes feitos que poderían constituír un delito de danos. O Goberno Local lembrou que, malia a limitación de recursos humanos, o Concello está a facer un importante esforzo contando con dúas patrullas con catro axentes nas noites das fins de semana para tentar asegurar o respecto polas normas de convivencia.

Nas últimas semanas téñense producido máis actos de vandalismo con desfeitas tanto en bens públicos como privados. “Son actos condenábeis e repudiábeis que, aínda reforzando a vixilancia policial, precisan da colaboración cidadá para a súa erradicación”, sinalan dende o Goberno local.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES