viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaMos gaña espazo para os peóns

Mos gaña espazo para os peóns

O proxecto da nova senda peonil Porselo-Brea prolongará a de Torroso converténdoa nunha ruta circular de máis de 3 quilómetros

O Multiusos das Pozas acolleu unha reunión informativa entre o tenente alcalde, Camilo Augusto; a concelleira da parroquia de Dornelas, Sara Cebreiro; o edil de Urbanismo, José Areal e técnicos municipais, coa veciñanza da parroquia de Dornelas, Petelos e Torroso, por onde transcorrerá a nova senda peonil Porselo-Brea.
O Pleno do Concello de Mos aprobou o pasado mes de marzo por maioría dos seus membros a dotación de crédito para o expediente de expropiación da nova senda peonil Porselo-Brea, que enlazará coa xa existente senda peonil de Torroso (que vai desde o Multiusos das Pozas ata ASODIFISI) formando unha senda circular de máis de 3 quilómetros de lonxitude.
Na xuntanza de onte informouse aos veciños e veciñas de Dornelas, Petelos e Torroso, sobre o proxecto, así como comunicóuselles que o técnico municipal redactor do mesmo estará á súa disposición no Concello para informar en detalle aos propietarios das fincas a expropiar.
Ademais tramitarase xa o proxecto para a súa aprobación en Pleno e, a continuación, iniciarase o expediente de expropiación.
Deste xeito, tal e como declararon alcaldesa e concelleiros, “transformaremos o traxecto Porselo-Brea nunha vía de circulación máis cómoda que inclúa tamén unha senda peonil que enlace coa senda de Torroso creando un itinerario circular. Somos coñecedores da necesidade de mellorar o tipo de firme na nova senda respecto do empregado en Torroso e así o faremos, aproveitando para cambiar tamén do de Torroso, que non deu os resultados satisfactorios esperados”.
A actual senda peonil de Torroso ten unha lonxitude de 1.370 metros que, sumada aos 1.800 metros da futura senda Porselo-Brea, dará unha senda circular cun percorrido total de 3.170 metros.
Por acordo do Goberno Local do Concello de Mos, deuse orde de levar a cabo a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil en Dornelas, desde o I.E.S. de Mos ata ASODIFISI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso.
O proxecto nace co obxectivo de completar, en forma de anel, a senda xa construída desde o Edificio Multiusos ata ASODIFISI, dando ao viario sobre o que se actuará, unha maior seguridade para os peóns, que na actualidade mesturan os seus itinerarios cos vehículos a motor.

Este proxecto desenvolve unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, ampliando a capa de rodadura e construíndo unha senda específica para os peóns

Acadarase un ancho máximo de 8,00 metros que dá a esta zona unha mellora substancial para o fluxo do tráfico e de persoas.

Preténdese desenvolver unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, nas parroquias de petelos, Dornelas e Torroso, que a día de hoxe encóntranse cunhas limitacións físicas á hora de acoller o tráfico de vehículos e peonil que por elas transita. Conseguirase deste xeito dar continuidade a estas rúas cunha sección axeitada cara a resolver e minorar os problemas circulatorios, agravados en momentos puntuais pola entrada e saída de alumnos nos equipamentos educativos emprazados nas Pozas. Estes son os motivos da necesidade de ocupar e executar a maior brevidade posible a infraestrutura proxectada (que permitirá unha mellora salientable do tráfico nun dos principais viarios do municipio).

A delimitación do ámbito de expropiación comprende un total de 3.352,56 m² repartidos entre 126 predios segundo a realidade catastral identificada sobre o terreo, establecéndose a través dos seguintes lindeiros: ao norte, con rúa Brea e rúa Costiña, ao leste, en Seixabre coa estrada do Adrovello, ao sur, nace nas Pozas, na rotonda da estrada das Pozas; e ao oeste, camiño de Pedreira e camiño de Bouzos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES