viernes, abril 26, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta investirá máis de 120 millóns de euros na estratexia de...

A Xunta investirá máis de 120 millóns de euros na estratexia de educación dixital

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo explica que, cun investivmento inicial de 120 millóns de euros, «permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento». 

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Estratexia Educación Dixital 2030, que contará cun investimento de 120 millóns de euros para os primeiros tres anos de aplicación, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas.

Trala súa aprobación en Consello, Feijóo incidiu en que esta iniciativa estará sustentada en dous piares básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.

Deste xeito, os obxectivos xerais serán: que ninguén se quede atrás no proceso de dixitalización; unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de aprendizaxe, que mesturan o dixital e o presencial; a progresiva dixitalización de todo o que rodea ao mundo educativo; atallar a fenda dixital e contribuír a loitar contra o reto demográfico e consolidar a poboación nas contornas rurais.

Para acadalo, o presidente da Xunta subliñou que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias.

Nesta liña, avanzou que a primeira das actuacións terá que ver coa creación, acondicionamento e dotación de polos creativos en todos os centros educativos públicos de Galicia. “Estamos a falar de espazos de solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades, abordados dende unha perspectiva de competencia STEM -ciencia, tecnoloxía e matemáticas-“, precisou Feijóo. 

Así mesmo, os centros tamén deberán ter un plan dixital, para desenvolver de xeito planificado todas as medidas e aproveitar os recursos cos que contarán a partir de agora.  En relación á terceira acción, o presidente do Goberno galego explicou que esta pasará pola dotación de equipamento vinculado á Intelixencia Artificial, de STEM e robótica.

Outras das medidas serán a posta en marcha dunha plataforma de asistencia ao profesorado mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, así como á creación dunha Aula Virtual Intelixente, que permitirá afondar na recomendación de actividades, tarefas e itinerarios personalizados.

Ademais de incidir na loita contra a desinformación, con accións formativas, informativas e de sensibilización contra as fake news, levaranse a cabo accións específicas para garantir a máxima calidade na inclusión educativa en contornos dixitais. E, no tocante á formación, desenvolverase un plan de acreditación de competencia dixital nos diferentes sectores da comunidade educativa e outro plan formativo en recursos dixitais especializados, con tecnoloxías de maior especificidade.

Por último, Feijóo aseverou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que xa está en marcha, estará en consonancia con esta estratexia. “En definitiva, con esta estratexia buscaremos non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza”, concluíu o presidente da Xunta. 

 

 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES