lunes, mayo 27, 2024
InicioComarcasO CondadoAs termas de Salvaterra, as primeiras con permiso de uso lúdico

As termas de Salvaterra, as primeiras con permiso de uso lúdico

O Concello é o primeiro de Galicia en recibir esta autorización, resultado dunha lei pioneira en España.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en regular o aproveitamento lúdico das súas augas termais a través dunha novidosa lei que entrou en vigor en febreiro de 2020; e agora, as termas de Salvaterra de Miño son as primeiras en contar con ese permiso de uso lúdico.

Xustamente a semana despois da aprobación da norma, o Concello de Salvaterra iniciou os trámites para lograr a autorización, que xa lle foi concedida, o que converte ao espazo termal de Teans-Oleiros no primeiro de Galicia con permiso de explotación lúdica.

Desta maneira, Salvaterra logra este selo pioneiro apenas dous anos e medio despois da inauguración do seu espazo termal, que chegou a rexistrar unha media de 200 visitantes diarios, chegados de toda a provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, atraídos pola súa privilexiada localización fronteiriza e polas características das súas augas, que conteñen un amplo abano de propiedades. Estas valéronlle a declaración de Augas Termais e Mineiromedicinais por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, condición previa á tramitación do aproveitamento lúdico das augas.

A lei marca unha fronteira clara entre os establecementos balnearios, con usos terapéuticos, e os espazos e piscinas termais, con usos lúdicos.

Obras de mellora e próxima reapertura

Actualmente, o espazo termal de Teans-Oleiros permanece pechado desde marzo de 2020 por mor da pandemia. O Concello aproveitou este peche para realizar obras de mellora do recinto. Se prevé que os traballos rematen proximamente, polo que, se a situación sanitaria o permite, as termas reabrirán a finais de ano.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES