sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasO CondadoA Picaraña será o escenario do Campionato Galego de Descenso BTT

A Picaraña será o escenario do Campionato Galego de Descenso BTT

O Concello colabora co ‘Ultimate Downhill do Tea’, organizado polo club Ponte Bike Team o vindeiro 4 de xullo.

Ponteareas acollerá o vindeiro 4 de xullo o Campionato Galego de Descenso BTT – Ultimate Downhill do Tea, a proba máis importante da tempada nesta modalidade e da que sairán 16 maillots de campións e campionas autonómicas. Organizado polo club Ponte Bike Team e o Concello de Ponteareas, o campionato conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra. “Para nós é un orgullo formar parte da organización desta proba de ciclismo, que terá un marco incomparable como é o Monte da Picaraña. Eventos deportivos como este fomentan o deporte á vez que nos permiten gozar destes espazos naturais que dende o Concello estamos revalorizando para o goce da veciñanza”, salienta Miguel Bouzó, responsable da Concellaría de Deportes.

Arredor de 150 deportistas achegaranse ata o Monte da Picaraña para participar nesta proba que arrancará o sábado 3 cos adestramentos oficiais e co recoñecemento do circuíto por parte competidores e competidoras e que continuará o domingo 4 coa clasificatoria a partir das 11.00 horas e a final ás 12.30 h.

En total serán 16 categorías, dende cadete ata máster masculino e feminino, que farán brillar a primeira edición deste campionato, “a única proba de descenso de Galicia este ano”, como lembra Marcos Porto, do Ponte Bike Team, un club con ano e medio de vida que ten xa en mente formar un equipo de competición desta modalidade a nivel nacional. 

Dende a Federación Galega de Ciclismo agradecen o “traballo que está facendo o Concello de Ponteareas, un referente polo seu apoio ao ciclismo e ao deporte en xeral; ao club organizador, porque sen eles non sería posible; e á comunidades de montes de Arcos por colaborar con nós”. “Esta proba é todo un exemplo de reactivación do deporte tras a complicada situación vivida nos últimos meses”, destaca o presidente da federación, Juan Carlos Muñiz.

Por mor da situación sanitaria, a competición desenvolverase sen público e con todas as medidas de prevención necesarias.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES