martes, abril 23, 2024
InicioNewsComarcasMos sobe ao nivel máximo de restricións e Ponteareas, ao medio

Mos sobe ao nivel máximo de restricións e Ponteareas, ao medio

A hostalería do municipio estará pechada, tanto no interior dos locais como no exterior, e non se poderá nin entrar nin saír da localidade agás por causas xustificadas

Sanidade vén de aumentar as restricións no concello de Mos. Este muncipio da Área Sanitaria de Vigo estará perimetrado, polo que non se poderá nin entrar nin saír agás por causas xustificadas, e a hostalería estará pechada tanto no interior como no exterior dos locais a partir do sábado 29 de maio. Así o vén de decidir o Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da COVID-19. Xunto a Mos, tamén estarán no nivel máximo Lobios e a Pobra do Caramiñal.

Nos concellos nos que rexen as medidas máximas de restricións, como será o caso de Mos a partir do 29 de maio, amáis de que é necesaria unha xustificación para entrar ou sair do municipio, só están permitidas as xuntanzas de persoas conviventes e hai hora de recollida obrigatoria ás 23:00 horas.

Pola súa banda, Ponteareas sobe ao nivel medio de restricións. Isto implica que a hostalería do municipio reduce os aforamentos ata o 30% no interior dos locais e ata o 50% nas terrazas. Destas limitacións sae Salceda de Caselas así que os hostaleiros e as hostalerias do municipio poderán atender á clientela ao 75% no exterior dos locais e á metade da capacidade dentro, ao igual que os demais concellos das comarcas.

Mos sitúase, segundo a última actualización de Sanidade, na incidencia considerada de risco ao superar os 250 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana e Ponteareas supera os 75 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días con 19 positivos en COVID-19.

O comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro.

Xunto a Ponteareas, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos do Barco de Valdeorras, Moaña, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro sábado, 29 de maio.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES