viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsComarcasO Rosal, libre de COVID-19

O Rosal, libre de COVID-19

O Rosal únese aos concellos que se atopan libres de COVID-19 tanto en 7 días como en 14.

Segundo a última actualización de Sanidade, o virus deixou de circular entre os veciños e as veciñas do Rosal durante esta fin de semana. Amáis, só Tomiño e Fornelos de Montes sitúanse nas incidencias superiores aos 75 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana.

Tomiño rexistra arestora 16 positivos en COVID-19, un menos con respecto á actualización do venres de Sanidade. Con todo, a incidencia baixa neste concello ao situarse entre os 75 e os 125 casos por 100.000 habitantes nunha semana. En Fornelos de Montes tamén descende a presenza do virus entre a veciñanza pois rexistra, agora, entre 125 e 250 contaxios en 7 días, afastándose da zona considerada como de risco polo SERGAS. 

A boa nova chega dende O Rosal. Ningún veciño nin veciña do municipio deu positivo en COVID-19 nin en 7 nin en 14 días. Súmase así a Crecente, A Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Oia e O Covelo como concellos nos que o virus deixou de circular.

Pola súa banda, A Guarda, Baiona e Nigrán soben ata rexistrar entre 25 e 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana, unha incidencia na que continúa Gondomar, Vigo, Redondela, As Neves, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tui, O Porriño, Mos e Ponteareas. Soutomaior presenta arestora esta mesma incidencia. Deles, só Vigo con 179, Redondela con 16, O Porriño e Ponteareas con 11 contaxios cadanseu superan o abano dos 1-9 casos.

A Área Sanitaria de Vigo é a que conta con máis pacientes na UCI

Segundo Sanidade, son 14 pacientes da área os que precisan de unidades de coidados intensivos. Dous máis que na actualización do venres. En total son 54 as persoas que requiren hospitalización, das cales 40 están en camas convencioanais.

En canto aos casos activos, son 825, 52 menos que na actualización do venres. De feito, é a Área Sanitaria de Vigo a que rexistra un maior descenso durante a fin de semana mais continúa como a que máis positivos ten. Séguelle a da Coruña con 709.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES