A reforma mudou o interior do edificio para crear cinco postos de venda de froitas, verduras, carne, peixe e productos ecolóxicos.
O Mercado municipal do Rosal estreou hoxe a súa renovada imaxe, “o primeiro paso na aposta do Concello polo comercio de proximidade, polo produto local e polo consumo do noso, do propio e da calidade que tanto nos identifica”. Así o sinalaba a rexedora rosaleira, Ánxela Fernández, no acto inaugural, no que contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; da directora xeral de Agader, Inés Santé; e do deputado provincial Santos Héctor, así como de representantes municipais de todos os concellos do Baixo Miño, como as alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e Oia, Cristina Correa, e as concelleiras de Tui e A Guarda, Ana María Núñez e Fátima Rodríguez.
Foron moitos os veciños e veciñas que se achegaron ás portas do renovado mercado para desfrutar do acto inaugural, que contou co acompañamento musical dun grupo de gaitas e dun cuarteto da Escola de Música do Rosal.
Esta reforma é o primeiro paso dunha transformación impulsada polo Concello que ten como obxectivo converter este inmoble nun espazo vivo co que propiciar o comercio de proximidade e o consumo dos produtos da zona e, con eles, a dinamización do núcleo do Rosal económica e socialmente. A obra contou cun orzamento de máis de 207.000 euros financiado ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de Agader e de fondos municipais.
Coa remodelación reformouse o interior do mercado para crear cinco postos. Na illa central están os das froitarías e unha ecotenda, como parte “da horta que é parte da nosa identidade e que vai dar cor a entrada cun símbolo identificador que hoxe comezamos a crear”. Mentres, no lateral estarán os postos de peixaría e carnicería, así como un posto de comercio xusto “que tanto nos di da sustentabilidade e da importancia da orixe no consumo responsable que queremos ter nesta sociedade”.
Un traballo que continuará coa segunda fase do proxecto, xa aprobada, e que suporá unha ampliación na parcela contigua ao mercado, “que lle vai dar un camiño máis extenso no ámbito da excelencia”, coa especial atención ao ámbito culinario e da gastronomía.