lunes, octubre 14, 2024
InicioNewsComarcasA Guarda e O Porriño, sen positivos en 7 días mentres volven...

A Guarda e O Porriño, sen positivos en 7 días mentres volven os casos a Salceda

Volven os casos positivos en COVID-19 ao concello de Salceda de Caselas con entre 1 e 9 contaxios nunha semana entre a súa veciñanza.

Así, Salceda de Caselas xa non se atopa entre os municipios libres do virus ao diagnosticar o SERGAS entre 1 e 9 casos en 7 días entre os seus veciños e veciñas. A incidencia deste concello da Louriña sitúase agora entre os 10 e os 25 contaxios por 100.000 habitantes. Segue sendo unha das máis baixas que contempla Sanidade. Mentres, A Guarda e O Porriño melloran a situación epidemiolóxica ao non contar agora con nungún positivo nunha semana, segundo a última actualización de Sanidade.

Nas incidencias máis baixas sitúanse os concellos de Salvaterra de Miño, A Cañiza, Mos, Redondela e agora Salceda de Caselas con entre 10 e 25 contaxios por 100.000 habitantes e A Guarda e O Porriño con menos de 10 positivos por 100.000 ao non rexistrar ningún caso en 7 días entre a súa veciñanza. Con todo, si contan con contaxios a dúas semanas polo que non é posible incluílos na listaxe dos municipios libres do virus como si o están O Rosal, Arbo, O Covelo, Mondariz e Fornelos de Montes.

Cunha maior presión do virus, aínda que fóra da zona considerada de risco por Sanidade, atópanse Oia, Tomiño, Baiona, Gondomar, Tui, Pazos de Borbén, Soutomaior, Nigrán, Vigo e Ponteareas ao rexistrar entre 25 e 75 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Na vila do Corpus son 14 casos novos, dous máis que onte e, pola contra, na cidade olívica son 13 menos.

Os concellos que presentan a maior presión do virus e, polo tanto, a incidencia máis alta son Crecente e Mondariz-Balneario, preto da considerada de risco por Sanidade, con máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Séguelle As Neves con máis de 75 por 100.000. Ningún dos tres contan con máis de 9 casos entre a súa veciñanza.

11 positivos máis na Área Sanitaria de Vigo

Son 615 casos positivos en COVID-19 activos na área, 11 máis que onte, segundo o SERGAS. Mantense o número de persoas que están ingresadas por mor da COVID-19 con 35. Deles, 4 están nas UCI. Todas as áreas, agás a da Coruña, aumenta os casos activos.

A Área Sanitaria de Vigo é a que máis casos activos rexistra do conxunto de Galicia.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS