jueves, noviembre 7, 2024
InicioNewsA RaiaTui, Tomiño e Salvaterra terán estación de préstamo de bicicletas para cruzar...

Tui, Tomiño e Salvaterra terán estación de préstamo de bicicletas para cruzar a raia

O AECT Río Miño ultima este proxecto piloto na fronteira ibérica, que entrará en funcionamento antes do verán e será de balde.

As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Miño. Así o decidiu o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, que nos vindeiros días vai definir as localizacións concretas.

Dende o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa esperada apertura da frontera) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.

Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.

Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ SmartMiño cofinanciado polo Programa Interreg VA.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro.

Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas.

A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS