viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasVal de MiñorBaiona non renuncia á Arribada, que trasládase a outubro

Baiona non renuncia á Arribada, que trasládase a outubro

Tal día como hoxe, fai 528 anos, arribaba a Baiona a carabela Pinta coa primicia mundial do descubrimento de América. Un fito que esta fin de semana non se poderá festexar por mor da pandemia, pero que se traslada a outubro.

Cristobal Colón chegou a América o 12 de outubro de 1492, pero non foi ata o 1 de marzo do ano seguinte cando a primicia do descubrimento se coñeceu en Europa. Facíao en Baiona, da man dos tripulantes da carabela Pinta, unha das tres embarcación dirixidas por Colón.

Na viaxe de volta a España, un gran temporal sorprendeu os barcos, e separáronse. A Pinta, capitaneada por Martín Alosno Pinzón, tomou rumbo a Baiona, aconsellado polo mariñeiro da vila Cristobal García Sarmiento. Foi así como, fai 528 anos, Baiona escribía o seu nome nos libros de historia.

A vila real está vencellada a este acontecemento, e dende fai 26 anos, cada primeira fin de semana de marzo, súbese á máquina do tempo para aterrar en 1493 e celebrar a Arribada; festa declarada de Intereses Turístico Internacional, que achega a preto de 200.000 persoas á vila.

Cambio de data

A situación epidemiolóxica actual fai imposible a celebración da festa esta fin de semana, pero o Concello non quere renunciar ao seu evento máis icónico, polo que xa ten todo argallado para trasladar a Arribada a outubro. Tamén se cambia por decisión do goberno municipal o festivo local vencellado á festa. Polo que, a vixésimo sexta edición da Arribada celebrarase a primeira fin de semana de outubro (días 1, 2 e 3), e o festivo do venres 5 de marzo en Baiona, será finalmente o 1 de outubro.

Sobre a programación, o alcalde, Carlos Gómez, adianta que “dependerá da situación epidemiolóxica”. Imposible garantir polo momento ningunha das grandes citas da Arribada como os mercados medievais, as xustas ou as representacións teatrais. 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES