miércoles, noviembre 13, 2024
InicioNewsO PaísXa se poden solicitar as axudas da Xunta para autónomos e microempresas

Xa se poden solicitar as axudas da Xunta para autónomos e microempresas

A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, salienta que xa se poden solicitar e di que na primeira convocatoria beneficiaronse máis de 33.000 negocios

 

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe nunha xuntanza que mantivo co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, que as axudas do segundo Plan de Rescate dirixidas a autónomos e microempresas, que contan cun orzamento de 60 millóns de euros, poden solicitarse desde hoxe e ata o próximo 18 de marzo. O martes publicarase a segunda liña de apoios, con 15 millóns, dirixida a establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas restricións sanitarias implantadas no mes de xaneiro para facer fronte á covid-19.

En global, a Xunta porá a disposición dos sectores máis afectados pola pandemia 75 millóns de euros que se suman aos 86,2 millóns do primeiro Plan. Lorenzana, deste xeito, indicou que o Goberno galego mobilizou en catro meses, máis de 161 millóns.

A conselleira detallou os pormenores do Plan nunha visita que, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, realizou ás instalacións da CEC, onde mantivo unha reunión co seu presidente para avaliar, entre outros asuntos, a situación actual do tecido empresarial da Coruña e para seguir estreitando, como ata o de agora, liñas de colaboración. Na última década, a Consellería de Emprego e Igualdade destinou máis de 15 millóns de euros a axudas á CEC, principalmente a través de programas de formación. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos institucionais que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes sociais e económicos de Galicia. Entre estes encontros destacan os que está tendo coas diferentes confederacións provinciais de empresarios de Galicia.

Lorenzana salientou a axilidade coa que se aprobou este segundo Plan de Rescate e lembrou que co primeiro a Xunta pagou en tempo récord 33.605 axudas por un importe de 69 millóns de euros. Preto do 60% se dirixiron ao sector da hostalaría (19.998), que percibiu, deste xeito, 38,8 millóns de euros. Na cidade da Coruña aboáronse 3.075 axudas por valor de 6,2 millóns de euros: 2.048 apoios recaeron no sector da hostalería no que se investiron catro millóns de euros. Na provincia coruñesa, a Xunta atendeu 12.864 solicitudes de autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros sumando o orzamento máis de 26,2 millóns. Á hostalería, en concreto, dedicáronse 15 millóns de euros para 7.814 axudas.

Requisitos do segundo Plan

Para acceder aos apoios do segundo Plan de Rescate deberanse acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019. Coa iniciativa, en palabras de Lorenzana, preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego. Por este motivo elimináronse requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.

Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros. A tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, e como excepción, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago. Deste xeito, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS