sábado, abril 27, 2024
InicioComarcasLouriñaA Louriña rexistra 69 casos activos de violencia de xénero

A Louriña rexistra 69 casos activos de violencia de xénero

O Porriño da un paso máis na protección das vítimas renovando a súa adhesión ao Sistema Vioxén

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello do Porriño na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das vítimas de violencia de xénero. O protocolo de colaboración foi asinado polo concelleiro e alcalde accidental do Porriño, Pedro Pereira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.
O Porriño convértese así no cuarto concello da provincia que procede á renovación deste documento, o primeiro trámite, e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do Sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.

O 66,6 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos

Antes da sinatura da renovación do protocolo, a subdelegada do Goberno informou de que os casos activos de vítimas de violencia de xénero baixo este sistema de vixilancia son 69 no partido xudicial do Porriño: 34 correspondentes a Mos, 11 a Salceda e 24 a Porriño. Esta última cifra supón case o 2,15 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 34,78 % dos casos activos en todo o partido xudicial, que aglutina o 5,83 % das denuncias rexistradas na provincia no 2020.

Maica Larriba definiu que este modelo de colaboración entre administracións para protexer ás vítimas de violencia de xénero como «un bo exemplo de cogobernanza. Para o Goberno que represento, a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade e quero transmitir a mensaxe a todas as mulleres de que non están soas», dixo a subdelegada.
Pola súa banda, o alcalde accidental agradeceu «este eficaz modelo de cooperación no que debemos empregar todos os recursos necesarios e que nunca será suficiente mentres haxa unha muller vítima de violencia de xénero».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES