lunes, octubre 7, 2024
InicioComarcasLouriñaA escola infantil da Veigadaña álzase co premio galego de arquitectura

A escola infantil da Veigadaña álzase co premio galego de arquitectura

O xurado valorou o acertado do proxecto pola naturalidade coa que se insire no lugar e a capacidade de definir os seus límites físicos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, deu a coñecer o fallo do xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, que nesta terceira edición, á que se presentaron 67 candidaturas, concedeu o Premio galego de arquitectura 2020 á Escola infantil de A Veigadaña no Concello de Mos, un proxecto de Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós.

O xurado valorou o acertado do proxecto pola naturalidade coa que se insire no lugar e a capacidade de definir os seus límites físicos, nunha única operación formal, contundente, na que encontran acomodo tanto a complexa funcionalidade de todo o programa como os espazos baleiros que lle acompañan.
Unha moi ben estudada sección controla os aspectos ambientais e luminosos que tanta transcendencia teñen, sobre todo nesta tipoloxía edificatoria. Complétase cunha ben resolta relación entre espazos interiores e exteriores.
A precisión construtiva, coa que se manexan os materiais elixidos, está ao servizo duns espazos de sosegada ambientación, que completa a excelente calidade do conxunto, en lugar tan delicado como o bordo do Camiño de Santiago.

Demais categorías

O galardón á traxectoria profesional foi para o arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Recoñeceuse o Premio Especial á Sustentabilidade á reforma dun edificio existente para oito vivendas e aparcamento no número 11 da rúa Colón en Vigo. E, por último, a cuarta das categorías correspóndese co Premio galego de rehabilitación 2020, que se repartirá entre tres obras gañadoras: a reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa, en Carballeda de Avia; a rehabilitación dunha vivenda particular en Vigo, proxecto do arquitecto Alfonso Penela Fernández, e a intervención nunha bodega e a área enoturística destinada á celebración de evento en Cenlle.
Ademais das categorías premiadas, dotadas todas elas con 6.000 euros, tamén se recolle unha modalidade de mención para aquelas actuacións que destacan por algún aspecto e ás que se lles debe recoñecer un valor especial.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS