jueves, mayo 2, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoVeciñas na ciencia

Veciñas na ciencia

Cinco mozas tomiñesas falan da súa experiencia persoal e laboral en áreas científicas tradicionalmente relegadas aos homes. Trátase dunha mesa redonda organizada co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia que poderá seguirse en streaming, este sábado a partir das 18.00 horas

Dar visibilidade ás mozas do municipio que escolleron a ciencia para formarse e dedicarse a ela de xeito profesional é o obxectivo de “Veciñas na Ciencia”. Unha mesa redonda que se celebra este sábado, 13 de febreiro, co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia que se conmemora cada 11 de febreiro.
O grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño decidiu organizar este evento no que intervirán cinco mozas tomiñesas, cada unha especializada nunha rama científica diferente, que falarán da súa experiencia persoal, as dificultades que atoparon á hora de procurar un emprego ou as diferenzas existentes cos seus compañeiros de estudos e de traballo, entre outros temas.
Historicamente a proporción de mulleres que decidiron optar por unha formación científico-tecnolóxica estivo sempre en gran desvantaxe con respecto aos homes. Isto débese en parte a que moitas mozas, a medida que van crecendo e pensando no seu futuro, carecen de referentes nestes ámbitos que as motiven a optar por ese camiño. O evento pretende precisamente achegar estes referentes ás novas xeracións de rapazas que poidan estar pensando dedicarse a este ámbito e que teñan dúbidas ao respecto. “A idea é que as mozas vexan que para atopar a mulleres referentes no ámbito científico non precisan saír en documentais na televisión ou na Internet, senón que poden ser as súas propias veciñas, esas ás que poden atopar pola rúa ou cando van ao supermercado, de aí o nome do evento”, comenta Henar Alonso, voluntaria da OMIX e unha das organizadoras do evento.

Ademais, aínda dentro das carreiras científicas, moitas mulleres adoitan escoller aquelas que están máis vinculadas ao mundo dos coidados —área tradicionalmente asociada ás mulleres—, polo que se intentou que as participantes pertencesen a ramas pouco convencionais e tradicionalmente relegadas aos homes. Así, a mesa redonda estará composta por:

  • Laura 
Alonso Martínez, de Goián, enxeñeira forestal con mestrado en Xestión da biodiversidade e realizando actualmente un doutoramento traballando de investigadora.
  • Laura
 Otero Rodríguez, tamén veciña de Goián, bióloga e nutricionista, 
especializada en nutrición natural
.
  • Lidia 
Mariño Carballo, da parroquia de Estás, licenciada en Veterinaria e cun mestrado en Traumatoloxía e cirurxía ortopédica en animais de compañía, unha especialidade tradicionalmente masculinizada.
  • Noemí
 Álvarez Núñez, de Tomiño, licenciada en Farmacia e especialista en Farmacia Hospitalaria.
  • Sheila Ríos Campos, de Vilameán, enxeñeira industrial responsable de loxística en Galicia de Inturasa Pérez Rumbao, S.A. – IVECO.

O evento terá lugar esta tarde, ás 18.00 horas, vía streaming cunha duración aproximada dunha hora e media. Aberto á toda a cidadanía, poderá ser seguido a través da canle de YouTube do voluntariado da OMIX. Ademais, coa intención de que se xere un debate co público, este pode realizar preguntas e participar mediante a plataforma Jitsi Meets.
Non é imprescindible inscribirse pero si aconsellable, cubrindo un formulario en liña na páxina web do concello, na ligazón https://tomino.gal/vecinas-na-ciencia-2021/, onde se expón toda a información desta actividade.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES