A transmisión viral da COVID-19 comeza a controlarse en Galicia pero a baixada dos contaxios que se agarda que se produza nas próximas xornadas vai tardar aínda en verse reflexada na presión nos hospitais unhas dúas ou tres semanas, segundo a previsión do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Por primeira vez nun mes, os casos activos baixaron. Con todo desde Sanidade fan un chamamento á responsabilidade e a seguir cumprindo as medidas para que o freo aos contaxios se traslade tamén aos hospitais, onde o número de ingresados diagnosticados de coronavirus segue a ser moi elevado. Na UCI estñab 242 persoas e en planta, 1.210. O Sergas continuará facendo cribados para diagnosticar asintomáticos.
Na última xornada o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fixo preto de 14.000 probas diagnósticas.
«As medidas empezan a dar o resultado esperado. A taxa de positivos está baixando. No caso das PCR, arredor do 7 %, que é un número moi bo», aseguraba o conselleiro de Sanidade en declaracións a Televisión de Galicia.
Aínda que a situación mellorou, hai que ter en conta que incidencia acumulada no conxunto de Galicia segue triplicando os valores de risco extremo.
Nos hospitais galegos haberá dúas ou tres semanas complicadas antes de comezar a reverterse a situación, advierte García Comesaña.
Cos cribados Sanidade pretende acadar a 150.000 veciños da área metropolitana da Coruña. Ante a cativa resposta da pasada fin de semana tanto na Coruña como en Vigo, Sanidade anima os convocados a participaren, por interese comunitario e persoal.
Na fin de semana diagnosticáronse cos cribados masivos con tests de antíxenos 14 persoas infectadas na Coruña e 11 en Vigo.