sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasO CondadoIngresa en prisión o único detido polo crime de Mondariz

Ingresa en prisión o único detido polo crime de Mondariz

A titular do xulgado número 2 de Ponteareas ordenou onte o ingreso en prisión, provisional e sen fianza, de Miguel G.M., acusado da morte a puñaladas de Luís Faro Rodríguez, na habitación dun hostal de Mondariz. O acusado negouse a declarar nun primeiro momento, pero despois afirmou que era inocente dos cargos e que non matara ao seu veciño de habitación. Luís Faro, cuxo cadáver foi achado o pasado venres, durmía na habitación 3 e Miguel na 4.

 A investigación dos feitos, que desenvolve a Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, continúa para determinar a arma do crime e coñecer como se desenvolveron os acontecementos. Unha das cousas pendentes de aclaración é se un coitelo que o investigado adquiriu nun bazar foi ou non a arma do crime. O falecido tiña múltiples feridas de arma branca. Unha nun costado, dous no peito e numerosas nas costas, o que evidencia un cruel ensañamiento. Todo apunta que a morte se produciu no interior da habitación do hotel e o corpo foi movido posteriormente a un almacén lóbrego onde se gardan utensilios e que dá a un pequeno xardín.

AMEAZAS

Varias testemuñas manifestaron que nalgunhas ocasións Miguel xa ameazara de morte a Luís, pero non por asuntos económicos, como se cría; senón porque Luís pedíalle que non lle fixese ruído polas noites, pois o suposto autor dos feitos trasnoitaba, tiña a música alta e el adoitaba madrugar para realizar traballos de rozas en leiras particulares. O xulgado determinou tamén onte que se lle practiquen as probas forenses necesarias para saber se o detido ten as facultades mermadas.

A defensa de oficio do investigado pediu a liberdade ao crer que non existen probas concluíntes contra el mentres que a Fiscalía solicitou o ingreso en prisión. Por outra banda, veciños e veciñas de Mondariz organizaron onte unha cadea humana ao paso do féretro como homenaxe ao falecido ao non ser posible a asistencia ao enterro. Cumprindo a distancia de seguridade aplaudiron ao paso do furgón fúnebre. A veciñanza pide que se faga xustiza e tamén colocaron carteis e pancartas en toda a localidade.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES