jueves, marzo 28, 2024
InicioNewsO PaísPodemos facer fogueiras privadas de San Xoán previo permiso?

Podemos facer fogueiras privadas de San Xoán previo permiso?

As fogueiras de San Xoán na noite do 23 ao 24 de xuño estarán prohibidas en espazos públicos como as «festas, verbenas e outros eventos populares» segundo a orde publicada o pasado 28 de maio no DOG. Si poderán facerse nos domicilios previo permiso do Concello.

As fogueiras e celebracións de San Xoán estarán permitidas este ano en espazos privados, nos domicilios, a modo de celebración privada. Con todo hai que cumprir as normas de prevención anticovid−19: distancia social e uso de máscara, e recoméndase que non se supere o número de 15 persoas reunidas en exterior e de seis se é en interior.

«Todo o que sexan, por tanto, festas, verbenas e eventos populares non se poden celebrar, xa que supoñen un risco de aglomeración e por tanto un risco para a saúde pública»,aclara a Consellería de Sanidade.

Confusión

As declaracións do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, causaron confusión. Inicialmente declarara que se poderían celebrar fogueiras de San Xoán en formato reducido se os concellos as autorizaban. Pero, o pasado 1 de xuño, apuntara que se poderían facer en espazos públicos, aínda que só ata medianoite, con uso obrigatorio de máscaras e sen comer nin beber. Finalmente, tras recibir a aclaración por parte de Sanidade, a FEGAMP trasladou aos concellos a través de redes sociais que a celebración de fogueiras de San Xoán en espazos públicos non se podería realizar, atendendo ao que vén establecido na orde de 28 de maio de 2021, xa que segue en vigor a prohibición de eventos populares.

A maior parte de municipios optaron pola prudencia e, en vista de que a norma en vigor non se modificou, descartaron as fogatas en espazos públicos, aínda que elevaron, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), unha consulta para aclarar como e con que medidas se podería celebrar a tradicional noite de San Xoán.

Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que a cidade non terá fogueiras de San Xoán en espazos públicos. Así, aínda que inicialmente afirmou que «agora a Xunta as prohibe», a preguntas dos medios matizou que o motivo da suspensión é que non se derrogou a prohibición das celebracións populares na rúa. «Nós queremos celebralas, pero non se pode», aseverou o rexedor.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES