viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasVigoA Coca, xigantes e cabezudos toman as rúas de Redondela

A Coca, xigantes e cabezudos toman as rúas de Redondela

A vila dos viadutos retoma a festa da lenda deste dragón coa música como a gran protagonista. Esta tarde actúa Uxía Lambona e a Banda Molona

A lenda da Coca é unha das máis importantes da vila dos viadutos que dá lugar a unha das festividades máis coñecidas de Redondela, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e que este ano volve, aínda que dun xeito especial por mor da COVID-19. “Non son as festas de sempre, as que nos gustan a todas as redondelás e redondeláns, pero son, pese a todo, as Festas da Coca”, subliña a alcaldesa Digna Rivas ao mesmo tempo que adianta que “o vindeiro ano, en que esperemos a pandemia estea superada, Redondela vivirá unhas Festas da Coca como sempre foron, de celebración nas rúas, coa Danza das espadas e das penlas que forman parte inseparable da nosa propia identidade”. E é que nesta ocasión non se celebrarán dada a imposibilidade que tiveron os participantes de realizar os ensaios.

Conta a lenda que hai séculos vivía en Redondela un dragón que levaba as rapazas máis fermosas da vila para a súa guarida, situada baixo a ponte da Illa de San Simón. Os mozos mariñeiros fartos das maldades da becha decidiron darlle caza alzando as súas espadas e tras unha longa batalla estes resultaron vitoriosos. Unha vez medio morto o animal rescataron as súas prisioneiras e levaron o corpo ao centro da vila, onde, agarrando as espadas uns dos outros, comezaron a bailar ao redor do tormento ao que deran fin. E para lembrar esta historia ancestral, todos os anos no desfile do Corpus Christi sácase polas rúas unha figura da Coca e realízase a “Danza das espadas” e a “Danza das Penlas”.

Sete alfombras florais

WhatsApp Image 2021 06 03 at 10.49.55As alfombras florais son menos ca outros anos, coa fin de evitar aglomeracións nas rúas, e realizáronse en diferentes emprazamentos: praza do Concello, adro da igrexa parroquial, rúa Adro, praza Reveriano Soutullo (praza de Lenda), Casa da Torre e praza José Figueroa. Os tapices foron confeccionados no amencer do xoves coa intención de que permanezan ata o domingo, día no que se elaborará unha máis, na rúa Rita Regojo, en Vilavella. Nesta ocasión non se fixeron para logo pasar sobre elas a procesión, como tradicionalmente, senón a modo de mostra e exposición.

Programación

De xeito paralelo, a Concellería de Eventos que xestiona Marta Alonso, elaborou un programa de actividades que comezou onte, festividade local en Redondela e rematará o domingo. Pasarrúas, desfile da Coca escoltada polos xigantes e cabezudos e con acompañamento musical e varios concertos na Alameda de Castelao.

 

 

HOXE VENRES

19.00 horas Concerto de Uxía Lambona na Alameda de Castelao

 

MAÑÁ SÁBADO

11.00 horas Pasarrúas da Banda de Música de Arcade

13.00 horas Concerto da Banda de Música de Arcade na Alameda de Castelao

20.00 horas Concerto de Sabela Cereijo na Alameda de Castelao

 

DOMINGO, 6 DE XUÑO

Mostra de alfombras florais nas rúas de Vilavella

11.00 horas Pasarrúas da Banda de Música de Chapelaporta

11.30 horas Desfile da Coca cos Xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas

19.00 horas Concerto da Banda de Música de Chapela na Alameda de Castelao

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES