É esta a única cita autonómica desta categoría da tempada.

Ponteareas acolle esta fin de semana o Campionato Galego Máster de natación, o único encontro autonómico desta categoría desta tempada. A competición celebrarase este 12 e 13 de xuño na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino, onde se darán cita máis de 240 deportistas de 25 clubs procedentes de toda Galicia. 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer ao Club Natación Ponteareas que “se lanzara á organización dun evento tan importante, pero tamén o traballo realizado ao longo de todo o ano, moito tempo e dedicación investidos que dan os seus froitos”. Bouzó destacou tamén o labor “do equipo técnico, das e dos deportistas, das familias que traballan cóbado con cóbado co club, das entidades privadas que dan o seu apoio, da Federación Galega e da concesionaria da piscina. Remamos todos na mesma dirección para facer de Ponteareas un referente deportivo e fomentamos sinerxías para poñer en marcha un evento deportivo coma este, que tamén traerá unha dinámica moi positiva arredor da vila”.

A competición dividirase en dúas xornadas, para garantir a seguridade e saúde de todas as persoas participantes. O sábado 12 será a quenda de 114 deportistas de máis de 45 anos (34 mulleres e 80 homes) e o domingo 13 de 125 nadadoras e nadadores menores de 45 anos (73 homes, 52 mulleres). O campionato contará cun exhaustivo protocolo de prevención, como a habilitación dun espazo no pavillón deportivo situado a carón da piscina ao que poderán ir as e os nadadores tras realizar as súas probas cunha pantalla no que seguir a competición de forma máis tranquila e evitando aglomeracións. As probas estarán pechadas ao público, pero poderán seguirse en streaming a través das redes sociais do club ponteareán. Os resultados poderán consultarse en tempo real na páxina web da Federación Galega de Natación. “Tivemos un ano complicado, validando condicións de seguridade cada vez que celebramos un campionato. Pero nunha época tan difícil os nosos clubs foron capaces de seguir activos e manter a esencia do deporte”, salientou o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño.

Pola súa banda, o presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera, destacou a calidade das instalacións das que desfrutarán durante a competición, así como a “gran familia da natación desta vila, que é capaz de manter ese carácter familiar que aos equipos que veñen de fóra tanto lles gusta”. Ademais de agradecer a súa implicación a colaboradores e patrocinadores, Carrera tamén quixo salientar o labor dos 20 voluntarios de Protección Civil que esta fin de semana velarán polo correcto desenvolvemento das probas.

Trátase dun campionato da categoría máster, “un movemento que une a nadadoras e nadadores de diferentes ámbitos e idades, dende profesionais ata afeccionados, converténdose nun dos mellores exemplos de convivencia transxeracional da nosa sociedade”, como explicou Alberto Aliaga, responsable de Comunicación do club. 

¿E ti, es de Tweet?