Cando se cumplen 4 anos dos incendios de 2017, o Concello avanza na creación do primeiro parque forestal do Val Miñor.

O Concello de Nigrán traballa xa sobre terreo para crear o primeiro parque forestal da comarca na zona que máis sufríu os incendios de 2017. Así, a través da empresa Laxes Ambiental, iniciou esta semana os traballos de roza dos sendeiros e muíños que discorren por 'Os Matos-Río Táboas', en Camos en Chandebrito, como parte do plan de prevención e defensa contra incendios imprescindible para comezar a desenvover este espazo natural.

A limpeza, contratada por importe de 7.900 euros e cunha duración máxima dun mes, intervirá en todos os seus camiños abranguendo 2 metros desde as súas arestas e comprendendo tamén as faixas ao redor dos muíños. Paralelamente, o Concello sacará nos vindeiros días a licitación a creación do parque por un importe de 404.189 euros.

"O proxecto requiríu de moitísimos informes sectoriais que se retrasaron bastante máis do previsto, pero a boa noticia é que antes de que remate o ano estarase xa traballando no que será o primeiro parque forestal da comarca", explica o alcalde, Juan González, en referencia a contratempos como a espera de 20 meses para a contestación favorable da Axencia Galega de Infraestruturas.

“Será posiblemente o máis ambicioso proxecto medioambiental da comarca e a mellor lección práctica despois dos incendios de 2017. Grazas as comunidades de montes de ambas parroquias que nos cederon os terreos por 5 anos poremos en valor este bosque para darlle unha función social; ademais, o propio parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos", resume o rexedor.

Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas foron cedidas pola Comunidade de Montes de Camos e otras 12 pola de Chandebrito. O obxectivo común é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.

¿E ti, es de Tweet?