Por vez primeira, unha selección de curtas premiadas no certame proxectaranse en seis parroquias do Concello do Porriño que se inscribiron no proxecto “Cinemaldea”

 

O Festival de Cans e a Concellaría de Cultura do Porriño botan a andar desde esta fin de semana o proxecto “Cinemaldea”, coa intención de achegar o cinema a todas ás parroquias do Concello. A primeira idea será difundir nestas áreas rurais unha selección das curtametraxes premiadas na última edición do certame.
Este proxecto xorde no marco do convenio de colaboración asinado entre o Concello e o Festival de Cans, polo que este último asume a coordinación destas proxeccións, co obxectivo de facer o cinema accesible a todas as áreas rurais. Ao mesmo tempo, o proxecto busca consolidar unha programación de cinema ao longo do ano, máis alá das datas de celebración do Festival de Cans.
Para poñer en marcha esta novidosa iniciativa, que terá lugar por vez primeira, a Concellaría de Cultura abriu inicialmente un período de inscrición para todas as asociacións que quixesen sumarse ao proxecto. Nove foron as inscritas para participar na iniciativa que se desenvolverá entre mediados de outubro e mediados de novembro.
En cada sesión, de arredor de 75 minutos, poderán verse catro das curtametraxes que acadaron os principais premios en Cans, así como “Cans con máscara”, o documental de Isaura Docampo, sobre a anterior edición do certame. As catro curtametraxes que poderá ver o público son “Monte Bravo” de Noelia Muíño, que levou o Premio do Xurado á Mellor Curta, e o Premio Crea á melllor dirección, “Homeless Home” de Alberto Vázquez, Mellor Curta de Animación e unha das obras do ano, que mesmo foi finalista dos Premios Goya, “O Son da Balea” de Daniel Súarez-Rubini, que levou o Premio do Público, e “Deux Options” do rosaleiro Gon Caride, que levou dous premios, o de Mellor Guión AGAG, e o da mellor interpretación ex-aequo para os dous actores protagonistas, Jan Soja e Noël Faur.

Mañá venres terá lugar a primeira das proxeccións, será en Atios, na Asociación Cultural Os Penediños, ás 19.30 horas

Esta fin de semana terán lugar as primeiras sesións. Mañá venres botará a andar “CinemAldea” en Atios, na Asociación Cultural Os Penediños ás 19.30 horas. O sábado 16 será a quenda da Asociación Casal-Chan en Budiño, ás 21.00 horas e o domingo tamén en Budiño na Forna, ás 19.00 horas.
Os vindeiros 23 e 24 de outubro, terá lugar en Mosteiro (Budiño) e en Cans, continuando no mes de novembro en Chenlo o día 6, en Mosende o 7, en Carracido o 13 e rematarán en Torneiros o 14.
A entrada a cada sesión de proxección será gratuíta, sempre co aforo limitado ao protocolo Covid vixente, e accederase por orde de chegada a través dunha inscrición previa dos datos de cada persoa, que se fará no lugar da proxección media hora antes de cada sesión.

O Festival de Cans agarda estender este proxecto a outros concellos para promover o cinema en áreas rurais

O Festival de Cans está recibindo tamén propostas de concellos limítrofes e doutros municipios de Galicia para poder continuar desenvolvendo esta iniciativa, de achegar o cinema a núcleos rurais, e facilitar a distribución das curtametraxes e de filmes con escasas posibilidades de distribución. Por este motivo, nos vindeiros meses, o Festival de Cans agarda estender este proxecto a outros concellos, asociacións e entidades interesadas.

¿E ti, es de Tweet?