viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO Concello arranxa a cuberta do multiusos de Torneiros

O Concello arranxa a cuberta do multiusos de Torneiros

Dende hai varios anos estanse a producir entradas de augas pluviais nas instalacións, situación que se viu agravada coas intensas choivas dos últimos meses e que impide o normal desenvolvemento da actividade

O Concello do Porriño vén de tramitar por emerxencia as obras de reparación da cuberta do multiusos de Torneiros.
Segundo explican dende o Concello, como consecuencia da absoluta falta de mantemento a cuberta do edificio atópase en moi mal estado polo que, dende hai varios anos, estanse a producir entradas de augas pluviais. Dado ao réxime de precipitacións e treboadas dos últimos meses as entradas de auga téñense incrementado en grado tal que imposibilitan a práctica das actividades que se desenvolven no mesmo e están a producir importantes danos no interior. Ademais de supoñer un risco para usuarios e usuarias das instalacións.
Con tal motivo, dende a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, acometeranse de maneira inmediata os traballos de reparación que, tal e como explicou o edil, “inclúen a limpeza da totalidade dos canalóns perimetrais de recollida de pluviais, reposición das últimas de tella, reposición da estrutura e a xanela de acceso á cuberta e a reposición dos entronques”.
“A situación na que se atopa o edificio nos últimos anos é insostible e, ademais de imposibilitar o normal uso das instalacións, supón un risco para os usuarios e usuarias das mesmas xa que os corredores e aulas anéganse cando chove”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “A falta de mantemento de moitas instalacións municipais está a causar moitos problemas e traballamos para solucionalos á maior brevidade”.
As obras a executar supoñen un investimento de 22.286 euros.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES