O da Pesqueira é o primeiro adherido a esta iniciativa autonómica

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu ao acto de colocación da sinalización da Rede de “Parques sen Fume” no parque da Pesqueira. Este parque, pertencente ao concello Mos, é o primeiro da área de Vigo en adherirse a rede. O titular de Sanidade agradeceulle a alcadesa, Nidia Arévalo Gómez, que Mos se converta no concello pioneiro en acoller esta iniciativa na área de Vigo.

Escoitamos as declaracións feitas polo conselleiro e a alcaldesa:


Así mesmo, García Comesaña tamén destacou que, logo da aprobación da creación desta rede no Consello da Xunta a finais do mes de novembro, para incentivar e premiar aos concellos que primeiro decidiran adherirse a esta rede, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia e un total de cinco na provincia de Pontevedra: Mos, A Estrada, Agolada, Moraña e Ribadumia.
Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de “crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas”. Este programa que se acaba de por en marcha, é un fillo directo, -remarcou Comesaña-, doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, por iniciativa do anterior conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco.
Segundo o titular de Sanidade, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.
Compromisos
Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren, -remarcou o conselleiro-, unha serie de compromisos entre os que citou, a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.
Estratexia de saúde pública
As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Por iso, seguiremos a traballar, -dixo o conselleiro-, “promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco”.
Esta estratexia de saúde pública da Xunta queda reflectida en que, nos orzamentos deste ano, a partida que máis sube é o Programa de protección e promoción da saúde pública, “cun ascenso de máis do 17% ata os 106 millóns de euros, 15 millóns máis que o ano pasado”.
Así mesmo, proseguiu o titular da carteira sanitaria, a Xunta traballa no desenvolvemento dunha lei de prevención de adicións en menores, “que vai abarcar a prevención dun xeito moi intenso e así como traballar no aumento da percepción do risco co fin de diminuír a aceptación social”.
Tamén a Xunta traballa no desenvolvemento do Plan de trastornos aditivos de Galicia, que ademais de incidir na prevención, irá dirixido ás persoas que padecen un trastorno aditivo, “buscando non só a superación da adición, senón, tamén, a reincorporación social da persoa”

¿E ti, es de Tweet?