A Xunta de Galicia sufragará varias obras nesta Galiña Azul de Mos por un montante de 47.200 euros e que se desenvolverán durante o mes de agosto aproveitando o período de vacacións no centro

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; a alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, visitaron hoxe o equipamento para dar conta destes traballos, que estarán rematados para o inicio do novo curso escolar en setembro, e de cuxo proxecto encárgase a arquitecta mosense Fani Grandal, galardoada xa con varios importantes premios pola construción doutra escola infantil da rede A Galiña Azul en Mos, a da Veigadaña. Grandal estivo presente tamén durante a visita á Porteliña realizada esta mañá.
Perfecto Rodríguez explicou que a intervención céntrase, fundamentalmente, na mellora do illamento térmico da escola, así como en aspectos relacionados coa seguridade. Así, actuarase na fachada; nas carpinterías de aluminio e madeira; nas instalacións de ventilación, fontanería e iluminación; e substituiranse os pavimentos exteriores deteriorados por outros novos.
As tarefas proxectadas axústanse ás necesidade postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. A execución dos traballos correrá a cargo do Concello e serán financiados polo ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Instalacións de primeiro nivel

O xerente do Consorcio apuntou que con estas obras “queremos seguir mellorando as nosas Escolas Infantís para poñer á disposición das familias galegas e os seus nenos unha atención educativa e uns coidados de calidade nuns centros de primeiro nivel”.
A escola comezará o día 6 de setembro o novo curso cunha trintena de nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados.

¿E ti, es de Tweet?