O inicio das obras está previsto para a primeira parte do ano 2022

Fomento reanudará por fin ambos proxectos, demandas históricas que levan anos comprometidas polo Ministerio, e aos que por fin se lles ve luz verde tras tan longa espera. Son dúas obras de mellora da seguridade viaria que son de vital importancia, por tratarse de puntos extremadamente perigosos tanto para peóns como para condutores.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:

O salón de sesións do Concello de Mos acolleu unha xunta de voceiros dos diferentes grupos integrantes da corporación municipal, xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e técnicos municipais, á que tamén asistiron representantes veciñais dos afectados da parroquia de Louredo, entre eles José Couñago e Carlos García, para dar conta dunha reunión mantida a semana anterior entre a rexedora local e un técnico e o xurídico municipais na Demarcación de Carreteras do Estado en Pontevedra sobre dúas obras fundamentais para Mos como son a pasarela peonil en Amieirolongo (parroquia de Sanguiñeda) e a intersección na zona de O Tablado (parroquia de Louredo), ambas na Estrada Nacional 550.
Respecto das obras para a intersección na zona de O Tablado o Concello de Mos presentou alegacións en 2019 sen obter reposta por parte de Fomento, pero, segundo informou a alcaldesa, da xuntanza con Fomento mantida a semana pasada extraeuse a conclusión e o compromiso por parte da administración estatal de aceptar todas as propostas presentadas polo Concello. A obra ten un orzamento duns 700.000 euros, ao que o propio Director da Demarcación de Carreteras lle dá o visto bo. Arévalo asegura entón “non entender o por que ter que esperar tanto tempo e tanto silencio para finalmente comprobar que, en definitiva non había problema ningún. E entristéceme que tivéramos que esperar un ano e medio para poder reunirnos con persoas que teñen que estar ao servizo da provincia e das infraestruturas da mesma”.
Por outra banda está a obra da pasarela peonil en Amieirolongo, da que xa foi publicado o arranque da contratación da mesma no BOE fai máis dun mes. O Concello fixo todos os trámites de cesión de terreos e demais, e agora só queda que desde o Ministerio o acepten; ao que a alcaldesa apunta que “me alegra que despois de tantos anos, porque isto ven do ano 2016, finamente vaia adiante porque se deron conta de que faltaba a aceptación pola súa banda dos terreos que o Concello cedeu”.
As dúas obras parece que teñen unha perspectiva de previsión de inicio que podería enmarcarse no primeiro semestre do vindeiro ano 2022, incluso podendo adiantarse ao primeiro trimestre no caso de Amieirolongo.
Nidia Arévalo concluíu a xunta de voceiros dándolles as “grazas aos veciños de Louredo e Sanguiñeda que estiveron ao pé do canón, pendentes e dispostos ao que fixera falta, e por suposto tamén á corporación porque se fixeron eco deste problema e sentinme en todo momento acompañada por todos eles”.

 

¿E ti, es de Tweet?