As obras de humanización na contorna parroquial de San Mamede, cofinanciadas nun 70% pola Consellería e nun 30% polo Goberno local, comezaron en xullo e seguen a bo ritmo

A Xunta de Galicia analizará a posibilidade de colaborar co Concello de Mos na execución dun novo proxecto municipal para mellorar a urbanización de San Rafael, na parroquia de Pereiras.

Este foi un dos asuntos abordados entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Nidia Arévalo, con quen mantivo esta semana unha reunión de traballo para falar sobre varias iniciativas e actuacións relacionadas con materias da súa competencia.

En concreto, a alcaldesa explicoulle que a actuación proxectada en San Rafael ten como fin acometer a reforma integral desta zona intervindo sobre a rede viaria interior, mellorando a relación e a accesibilidade entre os edificios de carácter residencial e dotacional existentes e actuando co mesmo obxectivo sobre os espazos de uso público.

Ao respecto, Ángeles Vázquez indicoulle que o seu departamento estudará o proxecto municipal co fin de estudar a posibilidade de volver colaborar técnica ou economicamente co Concello na súa execución.

Precisamente, conselleira e rexedora analizaron tamén a marcha das obras de humanización na contorna parroquial de San Mamede, en execución desde comezos de xullo e que avanzan a bo ritmo. Esta actuación estase a levar a cabo grazas a un convenio asinado en 2020 no marco do chamado plan Hurbe entre a Consellería e o Concello de Mos, que se comprometeron deste xeito a cofinanciar o custo das obras nun 70% e nun 30%, respectivamente.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións destinadas tanto á creación e mellora de equipamentos municipais, como á humanización e posta en valor das contornas urbanas, unha liña de apoio aos concellos en materia urbanística na que a Xunta leva máis dunha década traballando

¿E ti, es de Tweet?