Arbo, con non máis de 9 positivos, presenta agora a incidencia máis alta das comarcas con máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana.

Segundo a última actualización do SERGAS, Arbo rexistra entre 125 e 250 contaxios en COVID-19 por 100.000 habitantes nunha semana, preto da zona considerada de risco por Sanidade, con non máis de 9 positivos entre a súa veciñanza. Aumenta tamén a incidencia en Ponteareas e en Vigo ata máis de 75 casos por 100.000 habitantes.

Así,os municipios da bisbarra que contan coa maior presión do virus entre a súa veciñanza son, por unha banda, Arbo ao rexistrar entre 125 e 250 casos por 100.000 habitantes e, por outra banda, Baiona, Gondomar, Crecente, Vigo e Ponteareas con máis de 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. Deles, é Vigo o que conta con máis contaxios: 231, 21 máis que na xornada anterior, séguelle Ponteareas con 18, dous máis que onte e Baiona e Gondomar que manteñen 10 e 16 casos respectivamente. 

Noutra marxe, atópase o concello de Pazos de Borbén no que a incidencia descende ata menos de 10 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana ao non contar con ningún positivo entre os seus veciños e veciñas mais si en duas semanas polo que aínda non é posible incluílo na listaxe dos municipios libres de COVID-19. Nesta mesma situación epidemiolóxica atópase A Guarda, Oia, A Cañiza, Mos e Mondariz-Balneario xunto con O Porriño, aínda que este último si conta con casos nunha semana.

Manteñen a presión do virus Tomiño, Nigrán, As Neves e Salceda de Caselas con menos de 75 positivos por 100.000 habitantes e sen acadar os 9 casos nunha semana ao igual que Tui, Redondela, Soutomaior e Salvaterra de Miño con menos de 25 contaxios por 100.000 habitantes.

A Área Sanitaria de Vigo pasa dos 700 casos activos

Segundo Sanidade, na Área Sanitaria de Vigo son 732 casos, 90 máis con respecto á actualización do venres. Convértese así na área con máis positivos activos do conxunto de Galicia. Séguelle a da Coruña con 677. En canto á presión hospitalaria, son 33 pacientes en camas convencionais e 5 persoas ingresadas na UCi.