O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a “tolerancia cero” do Goberno coa violencia de xénero e explicou que o Executivo autonómico avanza na súa detección precoz a través do cribado que realiza o Servizo Galego de Saúde, “co que se fixeron entrevistas a máis de 1.300 mulleres no que vai de ano e que permitiu prestar atención a 32 mulleres con risco de ser vítimas”.
O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe sobre os resultados deste cribado desenvolvido pola Consellería de Sanidade nos centros de saúde co obxectivo de “poñer en marcha un protocolo” e establecer pautas que guíen a busca activa de mulleres que poidan sufrir esta situación.
En que consiste?
O cribado, tal e como explicou Rueda, consiste na realización dunha breve enquisa validada cientificamente a calquera muller a partir de 15 anos cando acode a unha consulta cos distintos profesionais sanitarios dos centros de atención primaria e estes “observan algún síntoma de alerta”. En caso de resultar o cribado negativo, repetiríase aos dous anos.
“Os profesionais sanitarios informan á paciente sobre os seus dereitos e a asesoran sobre os pasos a seguir; emiten un parte de lesións no caso de ser preciso, que se remite aos xulgados; avisan aos pediatras se hai fillos menores; e rexistran a situación no historial clínico”, especificou o presidente do Goberno galego.
Desta forma, a Xunta valora a relevancia da identificación de vítimas por parte dos profesionais sanitarios porque «a consulta ofrece unha contorna de seguridade e de confianza«. Ademais, saber que na sanidade pública se realizan cribados «transmite o compromiso institucional permanente na loita contra a violencia de xénero», segundo indican desde a administración autonómica.
Así, o cribado estenderase a medida que avance a implantación da última versión da historia clínica electrónica Ianus5, que no primeiro semestre de 2026 terán dispoñible 2.000 profesionais.
Polo tanto, «a Consellería de Sanidade segue as indicacións da Organización mundial da saúde cando destaca o papel do persoal sanitario na detección e prevención da violencia de xénero». De feito, remarca que, «contra a crenza popular, non se debe ter medo a preguntar por esta cuestión xa que as mulleres vítimas de violencia de xénero habitualmente están dispostas a contar que sofren malos tratos e agardan que alguén as escoite», tal e como lembran desde a Xunta de Galicia.
Neste sentido, «o procedemento de cribado lembra que escoitar é un acto terapéutico de primeiro nivel«. Ademais, «cita indicadores de sospeita baseados na actitude da muller e tamén na exploración clínica».
Por unha banda, «se amosa unha actitude evasiva, nerviosa ou medorenta, se mostra trazos de baixa autoestima, vestimenta que poida intentar ocultar lesións ou se lle resta importancia ás súas lesións». Por outra, se ten hematomas en distintos procesos de curación, «lesións como rotura de tímpano, síntomas como insomnio, depresión, cefaleas, cervicalxia, molestias gastrointestinais, dificultades respiratorias, aborto espontáneo ou atraso na atención prenatal que poidan ser consecuencia de malos tratos durante o embarazo».
Atención específica
A Xunta regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma e, desde que en 2017 se estableceu a obriga de contar cunha formación básica neste sentido por parte do persoal do Servizo Galego de Saúde, son 51.809 os profesionais que a realizaron. Deles, máis de 28.000 é persoal sanitario e preto de 23.800, profesionais non sanitarios.
Ademais do cribado de detección precoz de violencia de xénero, a sanidade pública conta tamén con procedementos específicos para a atención a vítimas de agresión sexual e a vítimas de submisión química, do mesmo xeito que o Servizo Galego de Saúde conta cun protocolo para garantir a protección das mulleres en situación de violencia de xénero nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, o Goberno galego «reforzou a relación entre a atención social e a sanitaria ás vítimas coa entrada en funcionamento dos centros de crise 24 horas». Estes servizos públicos emprazáronse estratexicamente preto dos centros hospitalarios para evitar unha dobre vitimización e dar unha resposta máis áxil e completa.
Para apoiar as vítimas de violencia de xénero, a Xunta dispón de apoios económicos, «tanto axudas periódicas como de pago único; atención xurídica e psicolóxica gratuíta; solucións habitacionais e oportunidades para as mulleres e os seus fillos, a través da Rede galega de acollemento; ou axudas a entidades sociais e concellos para favorecer a súa contratación e independencia económica».

