martes, abril 30, 2024
InicioComarcasLouriñaSalceda bonifica cun 75% o imposto de rodaxe dos vehículos menos contaminantes

Salceda bonifica cun 75% o imposto de rodaxe dos vehículos menos contaminantes

Serán os de cero emisións e os cualificados eco. Así o acordou por unanimidade o pleno da corporación do Concello de Salceda de Caselas

Esta bonificación do 75% afectará durante toda a súa vida útil aos vehículos máis eficientes enerxética mente, os cualificados co distintivo ambiental cero emisións. Neste grupo están incluídos os eléctricos de batería (BEV), os eléctricos de autonomía entendida (REEV), os eléctricos híbridos enchufables (PHEV) cunha autonomía de 40 km ou máis ou os vehículos de pila de combustible.
Tamén serán bonificados durante os cinco primeiros anos dende a data de matriculación os vehículos co distintivo ambiental etiqueta ECO. Nesta categoría están incluídos os híbridos enchufables con autonomía inferior a 40 km, os híbridos non enchufables (HEV), os propulsados por gas natural e gas (GNC e GNL) ou os que empreguen gas licuado do petróleo (GLP).
Esta bonificación súmase á xa existente do 50% na cota do imposto para os vehículos cunha antigüidade mínima de 25 anos contados a partir da data de fabricación.
A modificación da ordenanza é unha das medidas do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), aprobado no 2020, logo de que o Concello de Salceda de Caselas se adherira ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía no 2019.
Lucía Pereira, concelleira de Facenda, explica que “con esta fórmula buscamos incentivar a compra e o uso de vehículos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente, na que debe ser unha transición cara a un futuro no que a totalidade dos vehículos sexan cero emisións, reducindo así a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera”.
A alcaldesa Verónica Tourón sinala que “con estas bonificacións na cota do Imposto sobre vehículos de Tracción Mecánica, xunto con outras accións que estamos poñendo en marcha, cumprimos cos compromisos adquiridos na sinatura do PACES e imos camiñando cara un futuro máis sostible»

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES