A viaxe que o Concello de Mos realiza esta semana a Bos Aires terá tamén acento musical. Unha representación do Grupo de Gaitas Ruada de Torroso acompaña á comitiva municipal no desprazamento que parte hoxe ata o 21 de abril, coincidindo coa celebración do 108 aniversario da Asociación de Residentes de Mos na capital arxentina.
Ruada de Torroso é unha agrupación vinculada ao Centro Recreativo Cultural e Veciñal de Torroso que naceu no ano 1985, nun momento no que o grupo de baile tradicional da parroquia precisaba acompañamento musical. Aquel proxecto inicial acabou converténdose nun espazo de aprendizaxe, convivencia e transmisión da música tradicional galega.
Detrás daquela iniciativa estivo Xosé Martínez, coñecido como Xosé o Gaiteiro, veciño de Dornelas, que asumiu a dirección do grupo nos seus primeiros anos e foi quen de formar aos primeiros gaiteiros da agrupación. Co paso do tempo, a dirección pasou a mans de Xosé Oliveira, actual mestre do grupo, que continúa traballando na formación musical e na continuidade do proxecto.
Hoxe Ruada está formada por arredor de vinte integrantes, con idades que van dos 14 aos 55 anos. Esa mistura de xeracións é, en realidade, unha das súas grandes fortalezas. Hai xente nova que comeza e músicos que levan moitos anos, todos compartindo escenario e aprendizaxe. Boa parte desa canteira nace na Escola de Música do Centro Recreativo Cultural e Veciñal de Torroso, que segue a formar novos músicos e garantindo que a tradición continúe viva.
Co tempo, e tamén coa evolución musical do propio grupo, xurdiu Ruada Folc, unha proposta que amplía o formato tradicional incorporando novos instrumentos e sonoridades. Ás gaitas e á percusión súmanse zanfonas, instrumentos de vento madeira, corda fretada, ademais de arpa ou piano. O resultado é unha proposta máis ampla, cunha sonoridade máis rica e aberta a novos formatos escénicos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asegura que “cando falamos da Undécima Parroquia falamos de persoas, de memoria e de emoción. Poder levar ata Bos Aires a nosa música tradicional é tamén unha maneira de achegarlles un anaco de Mos”.

