Luns, Abril 13, 2026
HomeNewsActualidadeA creatividade do país darase cita no IV Encontro do Deseño Galego...

A creatividade do país darase cita no IV Encontro do Deseño Galego en Allariz

A Asociación Galega de Deseño (DAG) celebrará a cuarta edición do Encontro do Deseño Galego na provincia de Ourense, concretamente no Concello de Allariz. O evento celebrarase o sábado 18 de abril e contará coas presentacións de proxectos de Ismael Velo, Steph Wurm e Idoia Cuesta.

Trátase dunha iniciativa que xorde coa vocación de descentralizar os eventos de deseño achegando profesionais e disciplinas a localidades máis pequenas, fóra das urbes que acostuman acoller este tipo de actividades, co obxectivo de “facer comunidade e traballar para o interés común ao tempo de coñecer os recursos culturais e patrimoniais do país”.

O primeiro encontro tivo lugar en Rianxo; o segundo celebrouse en Padrón e o terceiro no Concello de Cangas. Agora, será Allariz a encargada de acoller esta xuntanza.

A xornada dará comezo sobre das 10:15 horas na Fundación Vicente Risco. As presentacións de proxectos das persoas asociadas a DAG correrán da man de Ismael Velo, deseñador de produto orixinario de Allariz mais actualmente afincado en Porto; Steph Wurm, deseñadora gráfica especializada en xestión de marca que comparte estudio en Arnois (A Estrada) con Xaime Aneiros, que tamén intervirá; e Idoia Cuesta, creadora téxtil que se especializa en cestería contemporánea e desenvolve a súa actividade desde unha aldea de Outeiro de Rei (Lugo). 

Posteriormente, terá lugar un coloquio coas persoas participantes arredor do “deseño para o común” aos que se unirá Francisco Pedras, enxeñeiro agrícola implicado en proxectos de sostibilidade, novos materiais e xestión de recursos forestais. A mañá rematará cunha visita pola propia Fundación.

Tras xantar, a partir das 16:30 horas, o día continuará no Museo Galego do Xoguete e Museo da Moda, dous espazos nos que tamén se explorará o deseño en múltiples formas. A xornada rematará cun paseo pola vila.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS