Venres, Abril 10, 2026
HomeNewsActualidadeFormaMOS abre de novo hoxe as súas portas tras unha primeira xornada...

FormaMOS abre de novo hoxe as súas portas tras unha primeira xornada de éxito

A Feira de Formación FormaMOS, do Concello de Mos, inaugurou onte a súa nova edición cunha ampla oferta no espazo aberto con propostas como o cambio de imaxe de Ondas e Perfil, o “Xogo de emprendemento” de Fungatra e a actuación en directo da Escola de Música de Torroso.

A partir do mediodía tivo lugar o acto institucional, no que a alcaldesa de Mos; Nidia Arévalo, a concelleira Julia Loureiro e Rodrigo Manuel Salgado Pombo, director do Colegio Lar, estiveron acompañados por autoridades como Jesús Manuel Álvarez Bertolo, director xeral de Centros; Rosanna López, de Fungatra, e José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía. Entre outras autoridades tamén destacou a presenza de César A. Pérez Ares, xefe territorial de Educación; e José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial de Emprego.

Durante a súa intervención, a alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou que “FormaMOS non é só unha feira para informarse, senón un espazo no que moitas persoas poden comezar a tomar decisións sobre o seu futuro, desde unha perspectiva máis real e conectada coa sociedade actual”.

A xornada completouse coa ponencia do psicólogo experto en psicoloxía educativa e doutor en Educación Rafael Guerrero, que abordou o uso e mal uso dos dispositivos tecnolóxicos e das redes sociais, incidindo no seu impacto no desenvolvemento emocional da mocidade.

Durante o acto institucional de inauguración da mostra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, tamén lle entregou a Rosa de Mos ao vicerrepresentante da embaixada de Taiwán Francisco Chang, que asistiu acompañado polo secretario da embaixada Mario Chang.

Ademais, FormaMOS acolleu a actividade do Espazo FP Pyme da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, que funcionou como punto de encontro entre empresas, centros educativos e alumnado, cunha mesa redonda centrada na FP Dual e na captación de talento.

A xornada incluíu tamén un bloque de exhibicións da Garda Civil, con presenza de helicóptero e demostracións da unidade canina, que espertaron un especial interese entre os asistentes.

Continúa a feira este venres

FormaMOS continuará hoxe coa súa segunda xornada, centrada na inclusión e na participación activa. A programación comezou ás 10:00 horas co obradoiro de lingua de signos da Federación de Persoas Xordas de Galicia, seguido do obradoiro de RCP e comercio do IES A Guía ás 11:00.

Ao longo da mañá desenvolveranse tamén dúas sesións da escenificación “Eu decido” de COGAMI, ás 11:30 e 12:30 horas, así como novas actividades no espazo aberto, entre elas o cambio de imaxe de ONDAS E PERFIL e a proxección continua de contidos audiovisuais na Aula D.

A xornada contará ademais con novas exhibicións da Garda Civil e coa continuidade do Espazo FP Pyme da Cámara de Comercio, que incluirá sesións sobre axudas á contratación e talleres prácticos sobre intelixencia artificial aplicada á busca de emprego.

A feira completarase o sábado cunha xornada dedicada ao ámbito dixital, cun espazo de gaming aberto entre as 12:00 e as 20:00 horas con actividades participativas e competicións.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS