Xoves, Abril 9, 2026
HomeNewsActualidadeComezan as obras de urbanización no sector T-02 Eroski en Ponteareas

Comezan as obras de urbanización no sector T-02 Eroski en Ponteareas

O Concello de Ponteareas vén de informar que deron comezo as obras de urbanización do sector T-02 Eroski, situado na contorna da estrada PO-403 e da glorieta de acceso, un paso “decisivo para a transformación urbanística desta zona estratéxica do municipio”.

As actuacións, cun prazo de execución de 12 meses, contan cun investimento de 1.134.282,97 euros, asumido integramente por Eroski, e permitirán transformar o actual solo urbanizable en solo urbano consolidado, posibilitando así a ampliación da actividade comercial existente.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou que “esta actuación supón un avance moi importante para a ordenación urbanística de Ponteareas, xa que permite completar a trama urbana nunha contorna clave, mellorando as infraestruturas, os accesos e a integración paisaxística da zona”.

A edil explicou que as obras permitirán gañar arredor de 10.000 metros cadrados de espazos libres, equipamento e rede viaria, ademais da obtención dunha parcela dotacional pública de 900 metros cadrados e de novas zonas verdes de 3.241 m 2 para desfrute da veciñanza, en liña coa estratexia municipal Infraestrutura Verde. Ademais permitirá crear un espazo para dar servizo ás autocaravanas.

Entre as actuacións previstas figura tamén a construción dunha nova rotonda de acceso ao hipermercado, reforzando os sistemas xerais viarios e ordenando os fluxos.

O proxecto contempla a creación de novos aparcadoiros públicos, a ampliación da rede viaria e a urbanización do espazo para zonas verdes e espazos libres complementarios, garantindo unha rede común e coherente de infraestruturas, sen afeccións desfavorables á rede urbana existente.

A ordenación deseñada establece unha sección de rúa ampla, aberta e funcional, coidando especialmente as solucións de urbanización, o tratamento dos bordo, o aumento do arborado no centro urbano e a integración no entorno paisaxístico. Así mesmo, inclúense condicións específicas para garantir as mínimas emisións contaminantes e un tratamento estético axeitado dos usos comerciais e compatibles.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS