Luns, Abril 6, 2026
HomeNewsActualidadeÚltimos días para participar na modalidade infantil do trail Entre Castelos Rías...

Últimos días para participar na modalidade infantil do trail Entre Castelos Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este xoves 9 de abril o prazo para inscribirse na modalidade infantil do trail Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar o vindeiro 18 de abril ás 16:30 horas. Nesta carreira, cunha lonxitude de 0,9 quilómetros, a Deputación oferta 300 prazas para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. A inscrición é gratuíta e pode realizarse en https://trailentrecastelosriasbaixas.com/.

A actividade infantil celébrase o día anterior ao trail Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar o vindeiro 19 de abril ás 10:00 horas, e que xa ten esgotadas as súas 500 prazas.

Trátase dun percorrido de 25,7 quilómetros con saída do Castelo de Sobroso e chegada ao Castelo de Soutomaior e a través de espazos naturais de alto valor ecolóxico e paisaxístico.

Estas 500 prazas súmanse ás outras 200 prazas ofertadas e tamén cubertas para desfrutar da andaina Entre Castelos Rías Baixas, que terá lugar tamén o 19 de abril pero ás 12:30 horas con saída do Castelo de Soutomaior. Neste caso, trátase dun percorrido de 8,7 quilómetros que atravesa sendeiros forestais e pistas rurais, combinando tramos de subida progresiva con contornas máis cómodas de terreo camiñable.

O trail Entre Castelos Rías Baixas é “unha proposta única en España” que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificacións de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio e ofertará unha fin de semana chea de actividades complementarias como obradoiros de animación infantil e food trucks.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS