Mércores, Marzo 18, 2026
HomeConcellos +A CañizaA Cañiza acolle unha xornada sobre a xestión da auga para traídas veciñais

A Cañiza acolle unha xornada sobre a xestión da auga para traídas veciñais

O Concello da Cañiza vén de acoller unha xornada informativa dirixida ás comunidades de usuarios de auga da Cañiza, na que participaron representantes de diversas traídas veciñais do municipio.

O encontro tivo lugar no Salón de Plenos e a charla foi impartida pola empresa cañicense “Rodespi, Soluciones para el rural”, no marco dun programa provincial da Deputación de Pontevedra.

A xornada, titulada “Mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do empoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga”, tivo como obxectivo achegar información práctica sobre a xestión, mantemento e control sanitario das traídas de auga no ámbito rural.

Durante a sesión abordáronse cuestións clave para as comunidades de usuarios, como o Plan Sanitario da Auga (PSA), o control da calidade da auga, os procedementos axeitados para a toma de mostras, o mantemento das instalacións e as obrigas legais que deben cumprir as comunidades responsables destes sistemas de abastecemento.

Así mesmo, informouse ás persoas asistentes sobre as liñas de subvención +NOVAQUA e +AQUA 2026, impulsadas pola Deputación de Pontevedra, destinadas a apoiar ás comunidades de usuarios na mellora, regularización e modernización das súas infraestruturas de abastecemento.

Segundo explicou o rexedor local, Luis Piña, este tipo de iniciativas “son fundamentais para reforzar o papel das comunidades de usuarios, que realizan unha labor imprescindible no mantemento dos sistemas de abastecemento no rural, garantindo o acceso á auga en moitas parroquias do municipio”.

Durante a xornada tamén se expuxeron algúns dos riscos que poden afectar á calidade da auga nos sistemas de abastecemento, dentro da aplicación do Plan Sanitario da Auga.

Estes contidos permitiron ás comunidades asistentes comprender mellor como identificar posibles ameazas nos seus sistemas de captación e distribución, así como aplicar medidas preventivas para garantir a seguridade da auga que chega aos fogares.

A sesión incluíu ademais un espazo aberto para consultas, no que as comunidades de usuarios puideron formular dúbidas e compartir experiencias sobre a xestión diaria das traídas veciñais.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS