Mércores, Marzo 11, 2026
HomeNewsActualidadeDetectado un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres en Redondela

Detectado un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres en Redondela

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) localizado no concello de Redondela (Pontevedra).

Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) atopado no citado municipio e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo- Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A ave foi mostrexada para proceder á súa análise laboratorial, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con este novo foco, son seis os confirmados en aves silvestres na nosa comunidade no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso de IAAP en aves de curral en Galicia.

Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 165 (13 deles corresponden a aves detectadas desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte o mantemento dun número considerable de focos, tendencia que se mantén nos últimos meses.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS