O Concello de Mos abre desde hoxe, luns 9 de marzo, o prazo de inscrición para unha nova edición do curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, unha formación dirixida especialmente á mocidade que queira dar o primeiro paso no ámbito da animación sociocultural, o ocio educativo e o traballo con nenos e nenas.
O curso desenvolverase entre o 10 de abril e o 28 de xuño, cun total de 200 horas presenciais que se impartirán en fin de semana, o que facilita a participación de estudantes ou persoas que compatibilicen a formación con outras actividades.
Trátase dunha formación homologada pola Xunta de Galicia, que habilita para traballar en campamentos, actividades de lecer educativo, programas xuvenís ou iniciativas socioculturais. Para participar é necesario ser maior de 18 anos e contar co graduado escolar ou equivalente.
O prazo para anotarse estará aberto ata o 25 de marzo, e as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica municipal ou no Rexistro Xeral do Concello de Mos.
En canto ao custo da formación, establécese unha matrícula de 195 euros para persoas empadroadas en Mos e de 220 euros para as non empadroadas. Desde o Concello de Mos destacan que “este tipo de iniciativas buscan ofrecer oportunidades formativas á mocidade do municipio e abrir portas no ámbito do ocio educativo, un sector con cada vez máis demanda e que, ademais, contribúe á dinamización social e cultural”.


