A Xunta recibiu 13 ofertas para a redacción do proxecto para construír 12 novas vivendas públicas en Baiona, que suporán un investimento autonómico de 2,5M€. O contrato da redacción do proxecto foi licitado a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), por algo máis de 120.000€.
Os novos fogares construiranse nunha parcela de 871 metros cadrados situada na rúa O Burgo, cedida polo Concello de Baiona, no marco da colaboración que a Xunta está a manter cos concellos para acadar solo onde construír nova vivenda pública.
Así, son xa 16 os concellos galegos que xa cederon gratuitamente parcelas á Xunta para construír fogares públicos. Ademais de Baiona, cederon solo Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ames, Carballo, Narón, San Cibrao das Viñas, Arteixo, Bueu, Sanxenxo e O Porriño.

