Os vindeiros días 20 e 21 de marzo terán lugar en Ponteareas as xornadas literarias “A voz e a palabra”, dedicadas á obra do poeta Alfonso Pexegueiro. A actividade consistirá nun total de seis conferencias impartidas por relatores de primeiro nivel e a proxección dun recital poético musical, e desenvolverase na Residencia Artistea en colaboración coa Universidade de Educación a Distancia (UNED).
O concelleiro de Letras, Ricardo González, explica que estas xornadas insírense dentro das actividades organizadas polo Concello de Ponteareas para conmemorar o 50º aniversario da publicación de “Seraogna”, ópera prima de Pexegueiro que “supuxo un revulsivo no panorama galego da época e que mantén unha influencia que aínda se pode detectar nas novas xeracións”.
Entre os relatores participantes figuran profesores universitarios e de secundaria, escritores, xestores culturais e críticos literarios, que aportarán diferentes visións sobre a traxectoria literaria de Pexegueiro e o valor do seu legado como son: Fátima Ferreiro, Isaac Lourido, Roberto Abuín, David Souto, Armando Requeixo e Paula Domínguez.
As xornadas serán clausuradas coa proxección do espectáculo lírico-musical “A illa das mulleres loucas”, no que o propio autor recita algúns poemas xunto ás actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, e os músicos Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa), que foi gravado no Teatro Principal de Compostela en 2011.
As persoas interesadas en participar na actividade poden inscribirse de balde na páxina web da UNED.
En paralelo a estas xornadas, celebrarase tamén unha exposición na planta baixa da Residencia Artistea na que se recollen as portadas dos libros publicados por Pexegueiro e que desvelan en boa medida a súa relación cos integrantes do grupo pictórico “Atlántica”, moi activo nos anos 80 e 90.

