Venres, Marzo 6, 2026
HomeNewsActualidadeMos valida o canon reducido de SOGAMA ao acadar obxectivos de reciclaxe

Mos valida o canon reducido de SOGAMA ao acadar obxectivos de reciclaxe

O Concello de Mos valida o canon reducido de tratamento de residuos domésticos
correspondente ao exercicio 2025 ao cumprir os requisitos ambientais establecidos pola
Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).

Esta medida, regulada pola resolución publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, establece un canon xeral para o tratamento dos residuos domésticos e un canon reducido para aqueles concellos que acrediten o cumprimento de determinados obxectivos ambientais vinculados á mellora da recollida selectiva e á redución da fracción resto.

Trala avaliación dos datos correspondentes ao exercicio 2025, confirmouse que o Concello de Mos cumpre cos requisitos esixidos por Sogama, polo que poderá beneficiarse do canon reducido no tratamento dos residuos domésticos.

Para acceder a esta bonificación, as entidades locais tiñan que cumprir alomenos un dos seguintes obxectivos: reducir nun mínimo do 1 % a entrega de residuos da fracción resto ou incrementar nun mínimo do 3 % a recollida selectiva de envases lixeiros ou biorresiduos.

O Concello de Mos acadou ámbolos dous parámetros, o que lle permite acceder ao tipo reducido do canon, supoñendo así un recoñecemento ao traballo realizado en materia de xestión de residuos e ao compromiso da veciñanza coa reciclaxe.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, valorou moi positivamente este resultado e destacou que “Mos cumpriu cos requisitos establecidos, polo que temos dereito a beneficiarnos do canon reducido correspondente ao exercicio 2025”. A rexedora explicou ademais que “este resultado demostra que as accións municipais en materia de reciclaxe e xestión de residuos están a dar resultados e que a colaboración da veciñanza é fundamental para conseguilo”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS