Luns, Marzo 2, 2026
HomeNewsActualidadeAberto o prazo de inscrición para as novas incorporacións ao sistema educativo

Aberto o prazo de inscrición para as novas incorporacións ao sistema educativo

Desde hoxe ata o día 20 de marzo permanece aberto o prazo para que as familias soliciten praza escolar para o vindeiro curso escolar 2026-27 para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 27 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Tramitación en liña

A Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado , que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS