A área de prestación conxunta (APC) de servizo de taxi do Val Miñor inicia os seus trámites co respaldo da Xunta e será a primeira en operar en toda Galicia. Así o vén de validar a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, tras presidir a reunión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Concello Galego de Transportes en Santiago, na que se abordou a solicitude dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para a súa creación e avaliou como favorable de forma unánime.
O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, implantando un sistema de licenzas compartidas que lles permitirá ás persoas titulares operar en todo este ámbito territorial cun réxime tarifario único, paradas comúns, quendas coordinadas para garantir a cobertura continua do servizo e o mantemento dun rexistro único de licenzas, permanentemente actualizado.
Os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán teñen 13, 19 e 22 licenzas de taxi, respectivamente, polo que a APC do Val Miñor pasaría a dispoñer de 54 licenzas de taxi para una poboación global superior aos 45.000 habitantes.
O órgano xestor será a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, que deberá elaborar e aprobar unha Ordenanza reguladora da APC, común para os servizos de taxi dos tres concellos.

