O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este mércores no Palacete das Mendoza, unha innovadora proba deportiva: o trail “entre Castelos Rías Baixas”.
Trátase dunha proposta única en España que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificación de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz; e o Castelo de Soutomaior.
A proba terá lugar na fin de semana do 18 e 19 de abril, e nela búscase o desfrute en familia de todo tipo de deportistas, tanto afeccionados como experimentados.
O trail, que terá lugar o domingo 19 de abril, dispón dun percorrido de 25,7 quilómetros con saída desde o Castelo de Sobroso (Mondariz) e chegada no Castelo de Soutomaior cun percorrido que atravesará espazos naturais de alto valor ecolóxico e paisaxístico.
Ademais da carreira principal, haberá eventos complementarios ao longo de toda a fin de semana como unha andaina popular de 8,7km, que terá lugar o domingo na contorna da fortaleza de Soutomaior, unha carreira infantil para menores de 6 a 12 anos prevista para o sábado, así como obradoiros de animación infantil e food trucks ao longo da fin de semana.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición ábrese este xoves, 26 de febreiro, a través das páxinas oficiais da proba ou de Turismo Rías Baixas. A participación é gratuíta, pero as prazas están limitadas a 500 corredores para o trail, 300, para a andaina; e 200, para a carreira infantil.

